Un estudo do CiQUS sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de covid persistente

14 de Marzo de 2024

Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con covid persistente. Utilizando técnicas delipidómicas

Un estudo do CiQUS sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de covid persistente

Un estudo liderado pola investigadora Rebeca García Fandiño e con Pablo F. Garrido como autor principal, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, ofrece luz sobre os cambios nos lípidos sanguíneos de pacientes con covid persistente.

A investigación supón un avance na comprensión destas secuelas e abre a porta a mellorar o seu tratamento. Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con covid persistente. Utilizando técnicas delipidómicas, estudaron un espectro de case 400 lípidos polares distintos. A partir de aí, recorreron a técnicas avanzadas de minería de datos e aprendizaxe automática para desenvolver modelos de clasificación precisos que distinguen entre pacientes sintomáticos e asintomáticos de covid persistente.

A análise revelou alteracións específicas relacionadas coa inflamación e a resposta inmunolóxica continua, ofrecendo unha nova perspectiva sobre a natureza persistente da covid. Ademais, algúns destes lípidos foron identificados como potenciais biomarcadores, o que permitiría levar a cabo diagnósticos máis precisos e desenvolver tratamentos específicos para esta enfermidade.

O descubrimento, publicado recentemente en Journal of Infection and Public Health, foi posible grazas á colaboración entre médicos e investigadores de distintos perfís. O proxecto reuniu a expertos do CiQUS, da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), da Universidade de Córdoba e da Universidade do País Vasco. A loita contra as infeccións víricas, como a provocada polo SARS-CoV-2, a través do descubrimento de novas estratexias de diagnóstico, constitúe unha das prioridades científicas do CiQUS. O equipo da Dra. García Fandiño está especializado en aplicar técnicas computacionais a explorar a estrutura e a función das membranas lipídicas como diana de interacción con biomoléculas.

Subir ao principio Subir ao principio