Un estudo liderado desde o CiMUS revela un novo mecanismo de reorganización xenómica no cancro

4 de Marzo de 2026

Un estudo liderado desde o CiMUS revela un novo mecanismo de reorganización xenómica no cancro

Un equipo internacional coordinado desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), pertencente á Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica— identificou un mecanismo polo que fragmentos móbiles do ADN humano poden provocar grandes reorganizacións cromosómicas en tumores.

O estudo, liderado polo investigador distinguido Oportunius Jose Tubío, foi publicado na revista internacional Science, e os seus resultados foron presentados o pasado 27 de febreiro no CiMUS, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.

A investigación demostra que os elementos móbiles LINE-1 (L1), secuencias que representan aproximadamente o 17 % do xenoma humano, poden actuar como impulsores temperáns de inestabilidade cromosómica en determinados tipos de cancro. Aínda que a maioría destes elementos están inactivos, algunhas copias conservan a capacidade de desprazarse e inserirse en novas rexións do xenoma, xerando alteracións estruturais.

Mediante tecnoloxías avanzadas de secuenciación xenómica, o equipo analizou dez tumores humanos con alta actividade de L1 e identificou máis de 6.400 eventos de inserción, dos cales 152 deron lugar a variantes estruturais como delecións, duplicacións, inversións e translocacións cromosómicas. Aproximadamente un de cada 40–60 saltos de L1 xera este tipo de alteracións estruturais.

Un dos achados máis relevantes é a identificación dun mecanismo polo que insercións simultáneas de L1 en cromosomas distintos poden xerar translocacións recíprocas, un tipo de reordenamento estrutural relevante no desenvolvemento tumoral e ata o de agora pouco caracterizado. O estudo amosa que preto do 65 % destes eventos ocorren en fases temperás da evolución do tumor, o que reforza o papel dos elementos L1 como fonte precoz de inestabilidade xenómica. Estes achados abren a posibilidade de novas liñas de investigación con aplicación terapéutica.

No traballo participaron institucións nacionais e internacionais, entre elas o Centro de Regulación Xenómica (CRG), a Universidade Côte d’Azur, o The Francis Crick Institute e o MD Anderson Cancer Center. A investigación contou co financiamento da Asociación Española Contra o Cancro, a Fundación “la Caixa”, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Xunta de Galicia e fondos europeos FEDER.

Subir ao principio Subir ao principio