Un proxecto pioneiro no mundo liderado desde o CiTIUS explorará o uso reparador da realidade virtual para aliviar a ansiedade ante a morte

13 de Febreiro de 2025

Un proxecto pioneiro no mundo liderado desde o CiTIUS explorará o uso reparador da realidade virtual para aliviar a ansiedade ante a morte

Un novo proxecto de investigación do CiTIUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, profundará no estudo da materia como ‘esencia enerxética’ para axudar a persoas con enfermidades terminais e os seus seres queridos a afrontar a fase final da vida, co propósito de aliviar a dor e a ansiedade causados pola proximidade da morte.

Farao a través da Realidade Virtual (RV); un campo de investigación transversal e extremadamente familiar para David Glowacki, doutor en Mecánica Cuántica que explora as diferentes posibilidades desta tecnoloxía desde Santiago de Compostela (España) xunto ao seu grupo de investigación no Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL). Glowacki, incorporado ao centro de investigación da USC no ano 2022 a través do programa de captación de talento Oportunius da Axencia Galega de Innovación, dirixe tamén o proxecto ‘NanoVR’, actualmente en desenvolvemento e financiado con preto de 2 millóns de euros polo Consello Europeo de Investigación (ERC) cunha das súas prestixiosas axudas Consolidator Grant.

O científico, natural de Milwaukee (Wisconsin, EEUU), celebraba a consecución do novo proxecto, cualificándoo como unha investigación «de vangarda». «Estou emocionado de ter a oportunidade de liderar un proxecto que ten un potencial impacto global con orixe aquí mesmo, en Santiago de Compostela, xa que esta cidade ten unha reputación como lugar de contemplación espiritual». «É moi poético», continúa, «que este novo proxecto, que busca usar a tecnoloxía para axudarnos a contemplar a nosa propia mortalidade dunha maneira construtiva, teña a súa orixe aquí. Espero con ansia ver o que xorde deste traballo», sinala David Glowacki.

O novo desafío científico leva por nome NUMADELIC (‘Experiencias para mellorar os resultados de saúde mental en pacientes con enfermidades potencialmente mortais), e conta co apoio económico da fundación norteamericana Tiny Blue Dot Foundation, que lle asignou unha dotación orzamentaria de máis de 900.000$ durante os próximos tres anos. Esta ambiciosa iniciativa aplicará tecnoloxías de realidade virtual para recrear experiencias próximas á morte ou NDEs (acrónimo inglés de ‘Near-death-experiences’), co obxectivo de reducir a ansiedade e fomentar o benestar emocional en pacientes terminais e os seus seres queridos.

Subir ao principio Subir ao principio