Unha investigadora do CINBIO comparte experiencias coas mulleres do Plan comunitario de Teis
6 de Febreiro de 2024

Verónica Salgueiriño, investigadora e líder do Grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, visitou ás mulleres do proxecto Non hai fronteiras, promovido polo Plan comunitario de Teis, en Vigo.
Esta coordinadora de barrio, integrada por persoas, colectivos, asociacións, servizos e recursos establecidos no barrio vigués de Teis, dirixe o citado proxecto a mulleres de orixe estranxeira co obxectivo de visibilizalas, dotalas das competencias básicas no noso idioma, facilitar o seu proceso de integración e construír un barrio máis inclusivo e equitativo.
Ao longo de algo máis dunha hora, Verónica Salgueiriño faloulles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas, pero, sobre todo, focalizou o seu discurso na visibilización do traballo das investigadoras e na importancia de fomentar as vocacións científicas das rapazas das novas xeracións co fin de vivir nunha sociedade máis xusta e igualitaria, que promova o avance para todas e para todos. Previamente, as oito mulleres participantes tiveron a oportunidade de coñecer a súa historia relatada en primeira persoa a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa forma parte dun completo programa de actividades divulgativas para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F), que se celebra en todo o mundo o día 11 de febreiro. A próxima actividade terá lugar este xoves 8 de febreiro coa visita ao CINBIO de 47 rapazas do IES Castelao de Vigo, dentro da iniciativa Elas Fan CienTec.