Unha investigación do CiMUS descobre as claves da adaptación celular durante a perda de peso por xaxún

31 de Xullo de 2023

Unha investigación do CiMUS descobre as claves da adaptación celular durante a perda de peso por xaxún

Investigadores do CiMUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, acaban de descubrir un novo mecanismo que protexe o fígado do dano inducido polos períodos longos de xaxún. Este achado, publicado recentemente na revista internacional Cell Metabolism, abre as portas a entender mellor os mecanismos de protección hepática durante o tratamento con dietas para inducir perdas de peso.

«Durante moitos anos demostrouse que as dietas baixas en metionina inducían adelgazamento. Porén, os nosos estudos van máis alá. Demostran que a diminución hepática de SAMe —un dos subprodutos da metionina— é a que induce realmente a perda de peso e que unha diminución excesiva ou crónica dos seus niveis danaría o fígado durante as dietas de restrición calórica», explica a Dra. Marta Varela Rey, quen dirixiu a investigación deste grupo de investigación de regulación da expresión xénica en enfermidades do CiMUS, en colaboración co grupo da Dra. María Luz Martínez Chantar do CICbioGUNECIBERehd do País Vasco.

A «regadeira» que apaga o estrés celular por xaxún

Os seus estudos descubriron que o SAMe hepático actúa como sensor metabólico da nutrición, freando a «queima de graxas» no fígado e protexéndoo. Ademais, demostraron que, durante os períodos de restrición calórica, este SAMe ten que producirse nuns lugares da célula moi concretos, onde exercen o seu papel protector.

O equipo de Marta Varela propón que unha diminución crónica de SAMe no fígado podería ser beneficiosa ao indicarlle ao noso corpo a necesidade de «queimar graxas» e potenciar deste modo unha maior perda de peso durante o xaxún. Os seus achados tamén demostran que a diminución crónica de SAMe deixa o fígado totalmente desprotexido, someténdoo a un estrés excesivo durante esta «queima de graxas» necesaria para perder peso. 

Segundo explican os investigadores, isto débese a que o SAMe do fígado actuaría como unha «regadeira», apagando o estrés celular que se produce cando aumenta a «queima de graxas» durante o xaxún. Por iso é tan necesario que exista un fino equilibrio entre uns niveis de SAMe no fígado o suficientemente baixos como para indicar que hai que queimar graxas, pero que, pola súa vez, sexan o suficientemente altos para ter o noso fígado protexido desa queima. 

Subir ao principio Subir ao principio