Unha investigadora do CiQUS obtén unha nova ERC Proof of Concept para desenvolver unha solución sostible de almacenamento enerxético
2 de Febreiro de 2026
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, pertencente á Rede CIGUS- unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica- obtivo un novo Proof of Concept (PoC) do European Research Council (ERC), o quinto na traxectoria do centro.
O proxecto, denominado Zest, estará coordinado pola investigadora distinguida Oportunius María Giménez López, que se converte na primeira investigadora en acadar un segundo proxecto ERC Proof of Concept en Galicia. A iniciativa ten como obxectivo desenvolver unha batería recargable híbrida de zinc, bromo e dióxido de manganeso como solución segura, escalable e de baixo custo para o almacenamento estacionario de enerxía.
ZEST baséase en resultados previos de investigación do grupo liderado por Giménez López no deseño de novos materiais avanzados e electrólitos para aplicacións enerxéticas. O proxecto contará coa participación do Fraunhofer Institute for Solar Energy Systems (Fraunhofer ISE) como socio industrial e abordará algunhas das principais limitacións das baterías baseadas en zinc mediante o desenvolvemento de novos materiais de electrodo e electrólitos con tecnoloxías previamente patentadas polo grupo.
Os proxectos Proof of Concept do ERC están orientados a facilitar a transferencia de resultados de investigación básica cara a aplicacións con potencial de mercado. Neste contexto, ZEST non só validará tecnicamente a proposta a nivel de prototipo, senón que tamén definirá unha folla de ruta para a súa explotación industrial, incluíndo análise de mercado, estratexia de propiedade intelectual e colaboración con axentes do sector enerxético.