Unha investigadora do CITIC consegue a cátedra ENIA para un proxecto na área de algoritmos verdes

25 de Xaneiro de 2024

proposta da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes é unha da 21 cátedras ENIA (Estratexia nacional en intelixencia artificial) que concede o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública

Unha investigadora do CITIC consegue a cátedra ENIA para un proxecto na área de algoritmos verdes

O grupo de persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, conseguiu a Cátedra en Algoritmos Verdes. A proposta da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes é unha da 21 cátedras ENIA (Estratexia nacional en intelixencia artificial) que concede o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

«A incorporación da multinacional Inditex no marco desta cátedra e a súa colaboración permitirannos abordar novos retos aos que se enfronta a industria e, por outra parte, servirá como plataforma para probar e escalar os resultados que se xeran no marco da cátedra», de acordo con Verónica Bolón, investigadora que liderou o equipo.
A impulsora da cátedra, Verónica Bolón, destaca que a súa creación supón no ámbito científico a unión de persoal investigador de IA que xa conta cunha traxectoria ampla de colaboración no marco da actividade do CITIC. «Esta combinación de investigadores multidisciplinarios axudará, sen lugar a dúbidas, a abordar novas liñas de investigación e a darlles solución aos problemas e retos identificados no campo dos algoritmos verdes».

O equipo de persoas que forma parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales están adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC). Segundo Manuel G. Penedo, o director do centro, «esta noticia supón un gran pulo no posicionamento do CITIC como un axente estratéxico na área de intelixencia artificial. É unha forma de visibilizar o talento do persoal do centro, grandes referentes na investigación en algoritmos verdes».

Subir ao principio Subir ao principio