Verónica Bolón, investigadora do CITIC, lidera un estudo pioneiro que aplica a intelixencia artificial como solución aos desafíos ambientais
10 de Febreiro de 2023

A investigación en feminino ten un papel destacado no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), adscrito á Universidade da Coruña e membro da Rede CIGUS. No CITIC, máis do 30 % do seu persoal investigador son mulleres, unha porcentaxe por encima da media no sector TIC, no que o emprego feminino rolda o 20 % e no que as estudantes de enxeñería informática non superan o 15 %.
Unha destas mulleres é Verónica Bolón, especialista en intelixencia artificial (IA), que lidera un estudo pioneiro sobre o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en IA que dean resposta aos desafíos ambientais máis urxentes.
«O noso obxectivo —explica a investigadora do CITIC— é aplicar algoritmos verdes, ademais de intelixentes, tanto desde o punto de vista do seu deseño coma desde a procura de respostas a retos ambientais concretos, a campos como os da eficiencia enerxética e de recursos, a descarbonización ou a economía circular», explica Bolón.
A intelixencia artificial proporciona unha mellor análise da información e da toma de decisións, o que se traduce nun mellor seguimento das tendencias e impactos sobre o medio ambiente, axudando, por exemplo, a reducir o consumo de enerxía e de recursos ou a promover a descarbonización. Porén, a pesar do gran potencial da intelixencia artificial para lles dar solucións a estes retos, non hai que perder de vista as ameazas que supón, como o elevado custo enerxético que pode significar a súa construción e a preocupación por cuestións como o potencial consumo eléctrico que demandarán as TIC no 2030. «Neste contexto, os algoritmos verdes, estreitamente relacionados con conceptos como smart city ou cloud, estarán dirixidos a mellorar a sostibilidade e a que as emisións de carbono de Internet, e en particular da IA, sexan o máis baixas posible», aclara Verónica Bolón. Así, o obxectivo do proxecto que lidera Bolón é buscar alternativas que reduzan o impacto ambiental dos algoritmos a través de diferentes estratexias. Por exemplo, adaptalos para que se executen utilizando un menor número de bits ou acurtar o seu proceso de adestramento, o cal supón un importante consumo enerxético.
O Plan nacional de algoritmos verdes forma parte do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Axenda España Dixital 2026 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento da IA, sentando así as bases para a creación dun ecosistema de excelencia que alberga a investigación científica e a innovación, o desenvolvemento de competencias e talento, o desenvolvemento de plataformas de datos e infraestruturas tecnolóxicas, a súa integración no tecido económico, o fomento do seu uso no sector público e o establecemento dun marco ético e normativo.
A este respecto, o obxectivo principal da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, é a regulación dos aspectos éticos relacionados co uso da IA en diferentes sectores. «O noso proxecto —apunta Verónica Bolón— casa perfectamente coas directrices da axencia ao procurar que a IA sexa o menos agresiva posible co seu contorno», un dos propósitos do organismo de control en relación co aproveitamento responsable da IA.